Verbas en perigro extinción

lunes, 29 de febrero de 2016

ÁGORARURAL – Xornada sobre Xuventude e rural en Vilalba

A Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado organiza unha xornada sobre a Xuventude e o Rural o vindeiro 4 de marzo en Vilalba (Lugo). As actividades pretenden ofrecer un espazo de encontro para a mocidade da Terra Cha e toda a provincia de Lugo poñendo en valor as posibilidades de presente e futuro do rural para a mocidade desde a esfera educativa, empresarial, política e financeira.
Do mesmo xeito, a xornada pretende poñer en valor experiencias innovadoras que se están a levar a cabo no rural por mozos emprendedores e ofrecer dende unha perspectiva lúdica a aprendizaxe non formal que se adquire no rural.
A destacar a participación do Catedrático de Física da Universidade de Santiago, Jorge Mira que fará unha reflexión en clave biográfica da pegada do rural na súa carreira profesional.
A ÁgoraXove – Vilalba enmárcase nun programa da Consellería de Política Social, orientado á creación de espazos que faciliten a participación dos mozos galegos na vida social, económica e cultural da nosa Comunidade Autónoma; a través da celebración de 12 foros en distintos puntos da nosa xeografía que fomenten e consoliden o protagonismo dos mozos na súa contorna.
Podedes atopar máis información sobre a xornada no seguinte enlace: http://www.voluntariadogalego.org/web/modulo.php?mod=ppr&idc=207

miércoles, 24 de febrero de 2016

Unha pequena reflexión sobre a regulación catastral

UN ENCONTRO MUNICIPAL EN ABADÍN PARA ATENDER AO CATASTRAZO

            Para o pasado 22 de outubro un grupo de veciños e veciñas de Abadín convocaron unha xuntanza municipal para recibir información acerca da regulación catastral á quer se está procedendo sistematicamente en todos os Concellos, uns despois doutros. Esta regulación está afectando especialmente ás entidades rurais. Asistiu a esta xuntanza un cento de persoas. Había moito interese. Contamos co asesoramento técnico de Balbino Fernández López, asesor fiscal.
            A regulación consiste primeiro en "dar de alta" calquera tipo de reforma ou adaptación levada a cabo na vivenda principal e tamén calquera construción menos das que tanto se precisan no medio rural: un cabano para a leña, para gardar uns arados, para gardar leña, e xa non digamos cortes, pallares, etc. Previa unha investigación previa, presencial ou a distancia (avioneta), mandan un papel por cada modificación ou nova construción, que un debe revisar, e para que sexa dada de alta un deberá pagar obrigatoriamente 60 € por cada unha das regulacións. En cada casa pode haber tranquilamente 2, 3, 4 ou máis obras para regular, o que supón un gasto considerable.
            A maiores diso, a regulación supón tamén a actualización e incremento do valor catastral, e no caso de obras novas, por simples que sexan, a súa posta en marcha. Tendo en conta que o que cobran os concellos é un tanto sobre ese valor, o que se terá que pagar a partir do 1 de xaneiro do 2016 vai ser moito máis; ata tres ou catro veces máis.
            É dicir, que hai que pagar 60€ por cada novo elemento construtivo posto ao día, e logo o IBI incrementado nas cotas anuais correspondentes.

UN CLARO ABUSO
            Ao longo da xuntanza puidemos ver claramente que se trataba dun abuso e dun aproveitamento descarado polas seguintes razóns.

1º) O Servizo do Catastro, que depende do Ministerio de Facenda ten como competencia ordinaria ter ao día o catastro, para que a xente poida cumprir coas súas obrigas e dereitos ao respecto. Para iso debe dar información á xente sobre o que é obxecto de valoración catastral. Nas parroquias nunca recibimos información dicíndonos de que tal tipo de obras había que declaralas como bens catastrais. Os Concellos, pola súa banda, tampouco nunca nos dixeron nada ao respecto. Daban permiso de obras --que moitas veces era un simple dicirnos: ti faino e xa está--, pero nunca informaban que había que notificar tales obras ou amaños ao servizo de catastro.

2º) No caso de ser necesaria unha actualización, esa actualización entra dentro do traballo normal do Servizo de Catastro. Hai uns funcionarios pagados para que fagan eses traballos. E resulta que nós cos nosos impostos estamos pagando eses funcionarios, e por riba agora vólvennos a cobrar, por           que en vez de facer ese traballo o Servizo de Catastro, encargáronllo a unha empresa privada que, claro, cobra por facer o seu traballo. E por que llo encargan? Non cremos que sexa porque os funcionarios de Catastro sexas un vagos, senón porque desde o Estado por aforrar, por contentar á Merkel e aos grandes poderes financeiros, retiran funcionarios e van privatizando pouco a pouco os servizos públicos, descargando sobre a xente a marcha da administración. E despois éncheselles a boca dicindo que van baixar os impostos. En Abadín calculamos só o cobro deses 60€ por obra actualizada pode supoñer uns 300.000 € de gasto dun só golpe. E despois virá a suba do IBI na cota a pagar cada ano.

3º) Éncheselles tamén a boca dicindo que queren axudar a que a poboación se fixe no campo. Está claro que medidas coma estas o que fan é apartarnos do campo. Alguén entende que haxa que pagar por ter un cabano para a leña, para o forno, para curar a carne, para gardar a ferramenta, uns arados, etc? Estas construcións son algo elemental, imprescindible para desenvolver unha actividade agraria, cousas que non producen beneficio ningún en cartos, e que só permiten vivir con algo de dignidade e de comodidade. Pois nin iso.      

4º) Pero hai aínda máis. Ao regular e poñer ao día as construcións suxeita a pagar IBI, poden, se queren, e en principio vano facer, poder cobrar ata catro anos de atraso, sempre e cando as obras estean feitas con esa antigüidade, cousa que pasa na maioría dos casos, pois esas construcións levan anos e anos feitas sen que nunca ninguén falase de cobrar nada por iso.

5º) Os Concellos teñen unhas Ordenanzas Municipais onde se sinalan o tipo de gravame actual que aplican no Concello, porque a Administración concédelle aos Concellos aplicar o gravame que queiran entre un 0,4% e un 1,1%. Este cobro fano os Concellos a través dos servizos da Deputación Provincial, pero son ingresos para o Concello, non para a Deputación. É importante ver que gravame teñen en cada Concello. Estes últimos anos, aos Concellos con problemas económicos o Estado obrigábaos a aplicar un gravame alto; a partir deste ano, xa non, poden aplicar o gravame que en cada caso consideren oportuno.

6º) Os Concellos tamén poden aplicar bonificacións e exencións, é dicir, poden rebaixar sobre do 0,4% e incluso eliminar de todo esa cotización, tendo en conta situacións concretas que estean vivindo as familias ou o conxunto da poboación.

6º) De todas estas circunstancias os Concellos non informan nada. En case todos hai uns anos aplicaron unhas subas considerables, pero todo o mundo pensaba que iso era cousa da Administración, do Estado, cousas que viñan de moi arriba. Pero non é así, é cousa do Concello, e o Concello nunca informaba nada desas subas.

POR TODO ISTO,
debémonos dirixir ao Concello a través dos Grupos Municipais ou de agrupacións veciñais, para solicitar varias cousas:
1.- Información. Que non nos teñan cos ollos tapados. Que nos digan como son as cousas, porque hai subas, etc.
2.- Que reduza ao máximo (o 0,4%) o tipo de gravame aplicable, sobre todo a persoas e familias con escaso nivel de renda.
3.- Que se  apliquen bonificacións e exencións, porque o Concello pode facelo. En concreto, solicitando que as construcións menores necesarias para desenvolver a actividade agraria queden exentas de ter que pagar o IBI.
4.- Que renuncie ao cobro deses 4 anos de atrasos que, se quere, nos pode cobrar.
5.- Que en situacións similares á actual, e sempre que haxa algunha variación nas condicións do IBI se nos dea unha boa información con tempo, para poder dispoñernos e actuar como mellor nos conveña.

            E por último, que os Concellos se dirixan ao Ministerio de Facenda, no seu Servizo de Catastro esixíndolle que calquera actualización do Catastro se faga a custe da Administración, que para iso pagamos os nosos impostos, e non privatizando o servizo e tendo que pagar os custes os veciños e veciñas.


Abadín, a 18 de xaneiro de 2016.

Manuel Regal Ledo.

lunes, 22 de febrero de 2016

Reunión

O pasado venres 19 de febreiro o grupo tractor reuníuse na Casa do Romualdo para acordar os medios de difusión que se poden empregar para dar a coñecer o noso grupo de traballo. Por outro lado, tamén se estableceu o próximo encontro que se levará acabo no C.D.R Portas Abertas na localidade de Vilardevós o vindeiro 7 de maio. Proximamente adiantaremos máis novidades sobre o encontro.