Verbas en perigro extinción

miércoles, 1 de junio de 2016

Boas novas desde “Vivimos no rural”


Como son máis ben escasas as ocasións, velaí vos vai: se queredes boas novas, boas “vibracións”, saber de iniciativas xeitosas, comer rico e partillado, botar unhas cantigas e coñecer unha Galicia cos pés e as mans na terra… aí están os encontros como o que acaba de organizar o grupo de “Vivimos no rural”, en Vilardevós, na raia seca. Cousa bonita.

É un encontro anual para que xentes de diferentes territorios rurais galegos se dean unha grande aperta, se pregunten como vai todo e se conten as cousas lindas que se están levando adiante nas aldeas e viliñas de Galicia. Todo para escorrentar tanta negra sombra que os tecnócratas e modernos botan enriba do futuro da vida e cultura rural de Galicia.  
Da man de Pepe Paz e Tamara Balboa, do Centro de Desenvolvemento rural “Portas Abertas” xuntámonos, logo, no Centro de Interpretación do Contrabando, mira ti, como para interpretar o contrabando desigual que a sociedade dominante fai coas comunidades rurais, detraendo os seus mellores recursos e pagando con exclusión, peche de servizos e unha imaxe de atraso e abandono.
Falouse e debateuse a maneira de empregar a internet para facer máis visible o rural invisible, creativo e potente que está aí marcando camiño.  Xa funciona un facebook máis que chulo: https://www.facebook.com/vivimosnorural/; e tamén un blog:http://vivimosnorural.blogspot.com.es/ .
No encontro estivo contando a súa experiencia Xosé Luis Vaz, xerente de Biocoop, unha cooperativa dedicada á produción e venda de carne vacún de razas autóctonas (vienesa, cachena, limiá,…) que previamente foi “rescatando” do esquecemento e a extinción, razas que viven no sur de Galicia pascendo libremente dende tempos inmemoriais e que en palabras do Xosé Luís: “son auténticas brigadas de prevención de incendios forestais”.
E na visita á Ánades Galicia, especializada en foi-gras, confit e xamón de pato (que catamos moi, moi a gusto) comprobouse como con creatividade, respecto e rigor, pódese poñer no mercado un produto natural e de alto valor. Para abrírmonos os ollos e o apetito.
Pois iso, que este país necesita boas novas e optimismo. Porque xa está ben de complexos e negras sombras.
Daniel López Muñoz

No hay comentarios:

Publicar un comentario